top of page
Un val agrarista
01078.jpg

Un val agrarista

A afouteza e o espírito de loita da veciñanza de Tebra non foi algo que se limitou a un conflito illado pola instalación da “fábrica da lus”. Este carácter viuse reflectido nun dos aspectos chave no primeiro terzo do século XX en Galicia: o movemento agrario.

Tebra vai xogar un papel decisivo no agrarismo da comarca do Baixo Miño. Ao igual que en moitas outras parroquias do municipio de Tomiño a comezos de século, no val fúndase en 1910 unha sociedade de agricultores, unha institución que tiña como obxectivo a revitalización do campo e a organización dos campesiños na defensa dos seus intereses. O seu nome era "Sociedad obreros agricultores de las Tebras", e comprendía as catro parroquias da antiga xurisdición: Santa María, San Salvador, Vilameán e Pinzás. A súa existencia foi fundamental para servir de contrapeso ao poder das familias adiñeiradas do val, que ademais de ter o poder económico e comercial eran as encargadas de vender as pasaxes para a emigración a América e facer préstamos aos veciños. As sociedades encárganse tamén de comprar alimentos, sementes e abonos, deixándoas a mellor prezo que as vendidas nos ultramarinos controlados por estas familias. Ademais tamén se encargaban de darlle formación aos agricultores, mercar apeiros de labranza e elementos como arados e sementadoras, procurando tecnificar o proceso e mellorar a produción agraria.

aurora 2.jpg

A diferenza da maioría das sociedades agrarias de Tomiño, que van estar vencelladas a posicións máis conservadoras, en Tebra, xunto con Barrantes, esta institución vai ter un nítido carácter político e de esquerdas desde a súa fundación ata a súa disolución unha vez triunfa o golpe de Estado franquista. De feito, a súa influencia política vai ser decisiva no val durante o período republicano, onde as eleccións sempre as gañan as forzas progresistas.

 

Por que acontece isto en Tebra? Para a historiadora Natalia Jorge Pereira influíron decisivamente dous motivos: No primeiro estaría a emigración. Cómpre ter en conta que en 1935 o 20% da poboación de Tebra estaba ausente, a maioría ao outro lado do océano. “Os grandes dirixentes do agrarismo en Tebra van estar vencellados coa emigración. Son xente que emigra pero que volve e decide tomar partido”, comenta a historiadora. Por outra parte, a clave estará tamén na titularidade e o uso da terra, que van ser fundamentais no desenvolvemento do movemento agrarista. A diferenza de outras parroquias, no val as familias teñen moitos fillos, unha media de cinco ou seis, e parte destes fillos teñen que emigrar temporalmente servindo nas cidades ou en vilas como Gondomar ou Nigrán, cando non facendo directamente o salto transoceánico a cidades como Bos Aires ou Montevideo, aínda que maioritariamente se trata de emigracións con retorno. “Son casas que non teñen titularidade sobre a terra e tampouco hai grandes familias ricas que dean traballo ao xornal”, comenta.

concelleiros tomiño creo.jpg

A sociedade agraria de Tebra vai ser unha das sociedades con maior peso do concello. En 1935 conta con 200 socios e cun edificio que era a sede da asociación, financiado e construído coas remesas que mandaban os emigrantes. Xa desde o seu inicio no 1910 vai ter un importante papel unha primeira xeración de vellos agraristas consolidados: o “Loureiro”, o “Cal”, o “Avión”, o “Cairo”... Moitos deles darán o salto á administración local durante a república, sendo concelleiros cun peso moi importante nas corporacións.

 
O inicio do período republicano vai ser clave para o movemento agrario, xa que supón a chegada a Tomiño de importantes dirixentes que van ser fundamentais, entre eles unha das figuras máis destacadas da historia de Galicia: Antón Alonso Ríos.

29-250521b-Enhanced (1).jpg

O destacado líder agrarista e mestre, que chegaría a presidir o Consello de Galiza no exilio logo da morte de Castelao, retorna de Arxentina en 1931 e chega a Tomiño para ser director dunha das escolas fundadas por emigrantes tomiñeses, a “Aurora del Porvenir”. É precisamente no movemento agrario onde Alonso Ríos desenvolve a súa actividade máis destacable, chegando a convertese en deputado en Cortes en 1936 pola Federación Provincial Agraria logo dunha intensa campaña a favor da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. “Alonso Ríos destacou por algo que non era doado de facer, que era axitar ás masas. Había moitos teóricos, como Castelao ou Risco, pero os axitadores percorrían o rural, chegaban á xente e calaban nela. É unha figura que se debe ao agrarismo”.

A actividade tanto dos vellos agraristas como dos novos líderes retornados da emigración coa chegada da República vai ser decisiva para o nacemento dunha nova xeración de agraristas, mozos moi novos que apenas superaban os vinte anos e cun compromiso social e político moi elevados. “Eran como cogomelos que ían nacendo co paso dos anos ao calor do activismo agrarista, pero que durante o período republicano florece de forma aínda máis potente”, sinala Natalia. 

GABIN cortada.jpg

"O Gavín"

Ao abeiro da figura de Alonso Ríos son moitos os líderes que van emerxendo, a maioría tamén retornados da emigración. No val de Tebra destacan varios, pero o máis notable é sen dúbida Santiago Gavín. 

"O Gavín"
discurso vilagarcía.jpg

"A semana marxista"

En xullo do 36, coa sublevación fascista e o golpe de Estado, esta nova xeración de mozos de Tebra xurdidos no seo do movemento agrarista vanlle facer fronte e van tomar o mando da resistencia. Aínda que historicamente se fala do barrio de Lavadores en Vigo e de Tui como os principais focos da resistencia ao golpe en Galicia, en Tomiño, e máis concretamente en Tebra, tamén se van levar a cabo accións para tentar frear a sublevación desde o primeiro momento. A dimensión foi tal que nos informes da Falanxe Local dos anos 1937 e 1938 se fala dunha “Semana Marxista en Tebra”. O primeiro que se fai é meter presas a varias figuras sospeitosas de querer boicotear a resistencia ao alzamento. Tamén se van requisar armas como escopetas de caza e levar a cabo ataques contra infraestruturas como a destrución da ponte de Tebra e de Forcadela, co fin de impedir o paso das tropas sublevadas. “Naquel momento estábase arranxando a estrada que vai cara Gondomar, xa que naquela época Tebra estaba moi mal conectada e apartada a nivel de infraestruturas. Nas obras había dinamita para poder escachar a pedra e precisamente un dos encargados desa estrada era o "Iglesias", un dos mozos pertencentes a esa nova xeración de agraristas”, explica Natalia. Por ese acto, Iglesias é acusado e condenado nun Consello de Guerra a 12 anos de cadea e unha multa de 10.000 pesetas. O motivo polo que se librou dunha condena moito máis severa, como podería chegar a ser a pena de morte, foi porque diferentes veciños de Santa María e San Salvador declaran ao seu favor, botándolle as culpas a Antón Alonso Ríos, aproveitando que no momento do xuízo xa estaba fuxido.

"A semana marxista"
Siñor Afranio fondo.jpg

Rispándose das gadoupas da morte

Unha vez fracasan as tentativas de resistencia ao golpe, moitos agraristas tentan fuxir como poden. A fuxida protagonizada por Antón Alonso Ríos constituirá un dos fitos máis destacados da Guerra Civil en Galicia, unha historia que ficou plasmada na obra O Siñor Afranio, onde se narran as memorias do propio Alonso Ríos no seu periplo de máis de dous anos escapando das forzas sublevadas. Nela percorre o sur de Galicia facéndose pasar por esmoleiro ata cruzar a Portugal e, posteriormente, chegar a Bos Aires, onde constituirá o Consello de Galiza xunto con Castelao e outros deputados galegos electos nas Cortes.

 
Cando o mestre emprende a súa fuxida, non é casualidade que escolla Tebra como un dos primeiros lugares nos que refuxiarse. É no val onde tiña abundantes apoios entre o agrarismo que puidesen axudalo. Alí pasará varias semanas escondido no monte, botando varios días sen comer e a piques de ser descuberto por dous homes armados que andaban buscándoo. Nunha das súas baixadas ás casas na procura de comida, Alonso Ríos narra a ocasión na que foi pedir axuda á casa de Santiago Gavín. Abriulle a porta a súa muller, Nélida:

 
“Informoume que o seu home tamén andaba fuxido e doume un pan de un quilo, partido en dous anacos, e mais un chourizo. Pero o que a min realmente me interesaba e me levaba alí era o saber da loita. Díxome que mal. E voltou a me recomendar que fuxise, que fuxise lonxe, pois andaban adoecidos por dar comigo para matarme”.

 
En O Siñor Afranio, Antón Alonso Ríos fará un retrato e homenaxe de todas as persoas que arriscaron a súa vida por axudar a salvar a súa vida e a de moitas outras persoas. Especialmente, como o caso de Nélida, cómpre destacar especialmente o papel das a miúdo invisibilizadas, as mulleres. “Son elas as que o visten, as que o esconden, as que lle dan de comer, e que sabían perfectamente que Afranio non era un esmoleiro. Sen elas non poderíamos estar hoxe falando da fazaña de Alonso Ríos”, comenta a historiadora.

Rispándose das gadoupas da morte
Catro curas, finais da década 1950-1960 de esquerda a dereita, Higinio ( Barrantes), Modes

Dous cregos, dous papeis antagónicos

Co triunfo do golpe e a chegada da represión, houbo a sorte de que ningunha persoa veciña de Tebra pagase coa vida. A represión no val será informal, pero tamén moi dura, xa que vai a ser constante ao longo da posguerra. Trátase por un lado de represión económica, que ten que ver con multas e coa expropiación do patrimonio. Tamén hai represión violenta, a base de malleiras, e tense constancia tamén dunha represión sexual constatada en fontes orais, caracterizada polos abusos e violacións que sofren moitas mulleres, pero moito máis difícil de testemuñar. A Sociedad obreros agricultores de las Tebras é desmantelada e non só se incauta o edificio, que se converterá nunha escola, senón tamén as ferramentas, os arados e a trilladora que había, pasando ao control da delegación sindical de Tomiño baixo o control da Falanxe. A xefatura local da Falanxe, unha vez as tropas rebeldes toman o control, será asumida precisamente por alguén de Tebra: o cura de Vilameán, José Rivas, que fora metido preso durante a “Semana Marxista” e posteriormente liberado polos sublevados.

 
Mais o feito de que ningunha persoa de Tebra fose fusilada, nun val con tanta actividade e forza do movemento agrario, non foi unha casualidade. Nesta cuestión vai ser determinante unha persoa que exerceu de contrapeso á figura de José Rivas: o párroco de Santa María e San Salvador, José Areal. Non podemos dicir que se tratase dun home de ideoloxía marxista, nin sequera de esquerdas, mais o seu papel axudando ás vítimas da represión foi dunha importancia crucial. Cando a represión comezou, non só puliu moitas asperezas e interrompeu moitas malleiras, senón que chegou a esconder na súa casa a moitos dos fuxidos, entre eles a Santiago Gavín. Non só se opuxo ao masacre e á barbarie, senón que tomou parte na defensa dos represaliados, amosando o seu carácter humano. É por iso que se ofrece tamén a darlle sepultura santa aos fusilados no alto do Padrón. 

Dous cregos, dous papeis antagónicos
vlcsnap-2021-07-14-01h01m22s502 (2).jpg

Os fusilamentos do alto do Padrón

Aínda que ningunha persoa veciña de Tebra foi fusilada, no val si que vai haber execucións. No coñecido como “alto do Padrón” e na ponte situada preto deste sitio, na estrada que conecta Tebra con Gondomar, foron “paseadas” un total de 11 persoas en diferentes días. O 22 de setembro do 36 son asasinados 5 traballadores de Porriño. O 24 de setembro serán asasinados outros cinco homes, sindicalistas vencellados ao sector do tranvía e o ferrocarril, e o día seguinte tamén aparecerá no lugar o corpo sen vida dun médico e odontólogo de Vigo. “Este masacre tiña como finalidade infundir terror nun val de recoñecida actividade agrarista e o certo é que o conseguiu, xa que non só supuxo un trauma na poboación, que colleu medo, senón que permitiu fixar nas mentes da xente que era o que podía pasar, non só aparecer nunha cuneta, senón que eses homes que viñan de fóra te fosen buscar á casa”. Son os propios veciños os que os atopan no lugar e os que os cargan en carretas para baixalos ata a igrexa de San Salvador. Grazas a José Areal, en Tebra os paseados no alto do Padrón son enterrados dentro do cemiterio, en campo santo, algo que non era o habitual entre os que aparecían nas cunetas. No lugar no que apareceron os corpos destas persoas colocouse no ano 2019 unha placa conmemorativa e unha oliveira na súa memoria.

Os fusilamentos do alto do Padrón
DJI_0284.jpg

Se tes problemas para visualizar este contido, recarga a páxina ou preme aquí

bottom of page