top of page
O ocaso dos señores
Cortes_de_cadiz.jpg

A estrutura xerárquica propia do feudalismo rexeu a sociedade durante séculos, mais esta realidade comezou a mudar no século XIX, un cambio que ao val de Tebra non lle foi alleo. Ata entón, o territorio que hoxe conforma o municipio de Tomiño era un auténtico mosaico de formas de goberno e propiedades distintas. Tebra ou Goián, por exemplo, eran señoríos laicos, é dicir, estaban gobernados por un señor non vencellado ao mundo relixioso, pero mentres que en Tebra este estaba ausente e delegaba o seu goberno nuns representantes, en Goián o señor si vivía alí, destacando especialmente a familia dos Correa. As xurisdicións de Barrantes, Currás ou Sobrada eran de reguengo, propiedade do rei, para o cal se nomeaba un xuíz que tamén se ocupaba do goberno. Noutros lugares a situación era variable, como por exemplo no couto de Amorín, que era un señorío eclesiástico propiedade do bispo de Tui, mais onde os veciños escollían ao xuíz sen mediación deste. En cambio en Forcadela, que tamén era un señorío eclesiástico, era o cabildo de Tui o que nomeaba todos os cargos de xustiza e goberno.

 
Todas estas características propias do Antigo Réxime mudan completamente co triunfo das ideas liberais, que en España van ter a primeira oportunidade de seren levadas a cabo coa Constitución de Cádiz de 1812. A aprobación da Carta Magna iría ser a semente de cambios moi substanciais nas formas de organización administrativa. Foi entón cando se estableceron os chamados concellos constitucionais, un intento de superar as vellas estruturas administrativas feudais para, segundo o discurso preliminar da presentación da Constitución, “arranxar o goberno interior establecendo que en adiante a elección dos seus individuos sexa libre e popular en toda a Monarquía”, o que supuña unha transformación radical das formas de goberno locais, buscando a desaparición dos foros, os privilexios e a vasalaxe.

O ocaso dos señores

cb.jpg

Por desgraza, a volta de Fernando VII a España no 1814 e a restauración do absolutismo puxeron fin temporalmente ao ideario liberal coa abolición da Constitución, aínda que o proxecto de creación dos concellos continuou avanzando durante o trienio liberal de 1820-1823. É nestes períodos que se intenta levar a cabo a creación dunha “Nova Planta” que trazase un novo reparto administrativo. En 1821, cando Galicia aínda non estaba dividida nas catro provincias actuais, aparece un primeiro esbozo que dividía o territorio da provincia de Pontevedra en once partidos xudiciais e 147 concellos. Entre os concellos pertencentes ao partido xudicial de Tui estaba contemplada a creación do concello de Tebra, composto por catro parroquias: Santa María, San Salvador, Vilameán e Pinzás. Dito concello contaría cunha asignación anual de 16.214 reais e 30 marabedís. Xunto co de Tebra, no territorio tomiñés tamén estaba contemplada a creación do concello de Goián, Barrantes, Amorín, Sobrada e Tomiño.

Preme na imaxe para ver máis de preto ou preme aquí para ter a máxima resolución 

mapa_provincia_tui.jpg

Mapa xurisdicional da provincia de Tui no século XVIII

mapa 1784.jpg

A nova restauración absolutista faría que o proxecto volvese quedar paralizado ata 1835, xa durante o reinado de Isabel II e a rexencia de María Cristina. Coa publicación do Real Decreto do 24 de xullo daríase pé á organización local definitiva, que deixaba xa establecida a creación do concello de Tomiño cos límites territoriais que coñecemos hoxe. A resolución versaba: 


“Aumentando este ayuntamiento (antes de Barrantes) con los dos de Tebra, Pinzás y Vilameán, que forman en la actualidad otro separado y puede suprimirse, colocando la capital de todo este distrito en el pueblo que se señala como más céntrico, tiene la comunicación expedita con aquellos en cualquier tiempo, sin embargo de algún puente que construído sin previsión, cuando hay copiosas lluvias suelen estar intransitables algún día, pero no por eso queda menos expedita la circulación para lo que necesite la capital del ayuntamiento”. 


Esta decisión non foi ben recibida no val de Tebra, que decidiu enviar un escrito ao gobernador civil o 17 de setembro de 1835 demandando conservar o seu status de concello independente, alegación que foi desestimada. A mesma sorte correu a vila de Goián, que tamén reclamou o concello propio alegando que xa o tiñan en 1813. Aínda que desde o 1837 ata o día de hoxe non houbo alteracións na superficie nin no número de parroquias, o escritor Xosé Fariña Jamardo si relata varios incidentes en relación ás reclamacións de varias delas. Goián volveu solicitar a segregación do concello de Tomiño no ano 1839, dirixíndose ao Congreso Nacional, intentándoo de novo en 1844. Neste mesmo ano, os veciños de Taborda, Piñeiro e Sobrada demandan tamén a segregación, propondo a creación dun novo concello formado por estas tres parroquias, proposta á cal se adhire tamén Currás e Amorín no 1849. Vinte anos máis tarde sería de novo Goián, xunto con Estás e Figueiró, as parroquias que solicitarían formar un novo concello, fracasando novamente ao non constar que puidesen sufragar os seus gastos unha vez segregadas sen gravar excesivamente á veciñanza. 

Unha capela, dúas parroquias

Ao igual que coa creación do Concello de Tomiño, os conflitos polo territorio e as rivalidades parroquiais teñen tamén o seu papel na historia do val de Tebra. Talvez o mellor símbolo para explicar este fenómeno o atopamos na Capela de Grixó, situada no límite entre a parroquia de Santa María de Tebra e a de Barrantes. Nela celébrase cada ano a Romaría de Grixó, que ten lugar o terceiro domingo de agosto, e na que participa a veciñanza de ambas parroquias. A data de construción desta capela non se pode afirmar con seguridade, aínda que sabemos que como mínimo foi feita no século XVIII dada a existencia dun libro de contas pertencente ao ano 1780.

 
Sobre o motivo da súa creación
corren abundantes lendas. Para o párroco de Tebra, José Luis Blanco González, é moi probable que a súa orixe teña a mesma finalidade que moitas outras construcións do tipo existentes en todo o país: tapar unha crenza anterior. “Moi próximo a Grixó, no lugar de Cristelos, sábese que houbo un castro. É moi probable que os habitantes dese castro usasen a Grixó como un lugar de culto á natureza e á maternidade. En moitos lugares, onde antes había un culto pagán púñase unha capela enriba para tapalo, normalmente honrando á Virxe, algo que entronca moi ben co culto á maternidade que existía anteriormente. Ese é un dos principais motivos polos que van aparecendo moitas capelas en todo o territorio e casos similares atopamos en lugares achegados como Santa Trega na Guarda ou na parroquia de Pías en Ponteareas”, comenta o sacerdote. 

Unha capela, dúas parroquias
1960 - Romería de Grixó.jpg

Segundo os límites parroquiais de aquel entón, que supoñemos pouco definidos ou en disputa, dicíase que a capela está emprazada nunha zona tan lindeira que mentres que o altar estaba situado na parroquia de Santa María, as portas atopábanse en terreo de Barrantes. Este conflito foi tal que tivo que interceder a Xustiza: No ano 1839, logo dun litixio mantido entre os fregueses de ambas parroquias, o bispo resolveu que a celebración relixiosa levada a cabo na capela e o traslado da imaxe da virxe ao lugar tería que alternarse entre os párrocos de Santa María de Tebra e Barrantes. No preito civil iniciado no Xulgado de Primeira Instancia de Tui figuraban Don Julián de la Fuente como abade de Tebra por unha parte e Don Ventura da Pousa e demais veciños pola outra. Decidiuse entón a alternancia como mellor solución para resolver o conflito, correspondéndolle ese ano ao párroco de Barrantes levar a cabo os oficios, tendo dereito a percibir por isto 12 reais. O coro, non obstante, sería dirixido polo cura de Tebra, percibindo 8 reais, e así sucesivamente. O oficiante tería no seu poder o cáliz e a imaxe da virxe entre outros obxectos, e en cada unha das parroquias nomearíanse mordomos, que se renovarían cada dous anos, para recoller as esmolas e doazóns entre a veciñanza, deixándoas rexistradas nun libro a fin de render contas. Esta resolución xudicial continúa vixente ata os nosos días, mantendo a tradición de celebrar a romaría unha moi notoria vitalidade, non só pola devoción á virxe, senón tamén polo folclore e o carácter profano de boa parte da xornada. 

Romaría de Grixó_edited.jpg
Romeiros de Tebra na romaría de Grixó
Romaría da Virxe de Grixó - 1958
Romeiros de Barrantes na romería de Grixó - 1960
Encontro de romeiros de Barrantes e Tebra na romaría da Virxe de Grixó - 1958
00149.jpg

Os profundos cambios levados a cabo tralo triunfo do ideario liberal non se limitaron soamente ao aspecto administrativo. Parello a isto chegaría a revolución industrial, as mudanzas económicas e a chegada de importantes avances á sociedade, como por exemplo a electricidade. Un importante símbolo da introdución deste elemento da modernidade atopámolo na central hidroeléctrica de Tebra, chamada “A Miudiña” e coñecida popularmente como “a fábrica da lus”.

 
A idea de construír esta central partiría da mente de dous avogados, José Leiras Pérez e Leoncio Comesaña González, conseguindo unha concesión no ano 1896 para aproveitar as augas do río que atravesa o val, o Cereixo, co fin de xerar enerxía para proveer de electricidade á vila de Tui. Unha vez foi posta en funcionamento, serían as casas destes dous avogados, a do alcalde e o farmacéutico as primeiras en desfrutar do revolucionario invento. 

"A fábrica da lus"

"A fábrica da lus"
miudiña.jpg

Mais a introdución dos novos avances non foi unha tarefa doada en Tebra. Ademais da importante suma económica que custou a obra —preto de 30.000 pesetas, unha cifra astronómica para a época—, os promotores do proxecto tiveron que lidar coa feroz oposición da veciñanza. As xentes do val tiñan unha profunda desconfianza dos efectos que tal invento podía ter na súa vida. Pensaban que a electricidade envelenaba as augas e os pastos ademais de provocar a morte do gando. Os obreiros que se desprazaban ao lugar para iniciar a construción eran repelidos pola veciñanza, armada con toda clase de apeiros. As hostilidades chegaron a tal nivel que o día que a fábrica comezou a funcionar, un grupo de veciños derribou un poste de alta tensión, o que provocou a morte por electrocución de varias persoas e penas de cadea para os causantes.


Tal foi a magnitude do conflito que se prolongou durante máis de dous anos, sendo necesaria a mediación do párroco para que acabasen os ataques. A diplomacia axudou a calmar os ánimos e desde a compañía prometeron alumeado eléctrico gratuíto por un tempo determinado na casa parroquial e nas festas anuais en honor a Santa María, mais aínda con todo, para rematar completamente as obras foi necesaria a intervención das forzas de orde público en varias ocasións. Malia todo, a construción da fábrica tiña o obxectivo primordial de fornecer de luz eléctrica á cidade de Tui, sendo Tebra simplemente o lugar onde se producía. A veciñanza do val tería que agardar aínda varias décadas para que o novo invento comezase a chegar ás casas.

miudita.jpg

A Miudiña foi reformada varias veces e por ela pasaron varias xeracións de tebreses e tebresas que viviron e traballaron nas súas instalacións. Debido ás súas limitacións técnicas, no ano 1987 construíuse unha nova central, nun tramo inferior do río, que continúa funcionando a pleno rendemento na actualidade. A día de hoxe, da antiga fábrica tan só quedan en pé algúns muros.

bottom of page