top of page
festa tebra.jpg

¿Tradición relixiosa ou vello culto xermánico?

Os suevos permaneceron en Galicia menos de 200 anos, pero a súa presenza foi determinante para a conformación das bases sociais que caracterizarían o país durante o  seguinte milenio, como por exemplo a súa decisiva influencia na conformación das parroquias como ente administrativo e social, ademais de palabras como “brétema”, “esmagar” ou “gabar”, un legado que perdura ata os nosos días. Non obstante, hai quen afirma que a pegada dos xermánicos está tamén na orixe dunha destacada tradición existente ata fai pouco no val de Tebra.

¿Tradición relixiosa ou vello culto xermánico?
02136_edited.jpg

A “Festa das Sete Vacas” foi unha tradición celebrada ata os anos setenta na parroquia de Santa María, cuxa orixe se agocha no máis remoto dos tempos. O acto celebrábase o día 6 de setembro, dous días antes do día da festa grande da parroquia en honor a Santa María, e consistía na matanza dunha vaca entre os veciños para repartila. A esta acción chamábaselle “carnear” e o nome da festa débese a que, se ben nos últimos anos que a tradición perviviu só se facía cunha vaca, antigamente matábanse sete, e incluso hai testemuños de nove ou máis, polo menos unha por cada barrio.


O reparto da vaca facíase dividindo a carne da vaca nun total de dezaseis partes chamadas “recartos”. O número de recartos sempre era o mesmo independentemente do número de persoas que participasen no reparto, aínda que normalmente adoitaba ir un para cada casa.


Unha vez a vaca estaba dividida, comezaba un dos actos máis singulares da cerimonia: a poxa das vísceras, as patas e os demais restos, que estaba dirixida por un veciño que adoitaba ser unha figura destacada da parroquia. Pola mañá cedo, despois da matanza, facíanse soar os “cornos” para avisar á veciñanza que a poxa ía comezar, coma unha campá da igrexa que anuncia un acto solemne. A miúdo eran empregados os propios cornos da vaca para tal fin, cortados polo bico. Nas poxas podían participar tanto os veciños como a xente que viña de fóra, e os cartos conseguidos ían destinados a pagar a vaca, que adoitaba ser máis ou menos o 10% do valor total, sendo o restante prorrateado entre os dezaseis comuneiros que participaban nos recartos.

veciños sete vacas.jpg

Hai moitos motivos polos que eran os propios veciños os que se encargaban de matar a vaca e repartila. Un deles é porque, ao facelo dese xeito, a carne saía moito máis barata. Non era unha cousa menor esta cuestión, xa que o feito de prescindir dos carniceiros fixo que estes intentasen todo o posible por acabar coa tradición, chegando a denunciar innumerables veces aos comuneiros ante o Concello e a Fiscalía de Taxas, xa que a carne que deixaban de vender supuña unha cifra nada desprezable. Mais o certo é que todo parece indicar que un acto tan solemne e de gran importancia para a parroquia ía máis alá dunha cuestión económica.

maiordomas.jpg

O ilustre escritor tebrés Xosé Luís Franco Grande vencellaba as orixes desta celebración cun antigo culto xermánico. As reminiscencias de vellos ritos pagáns nas tradicións cristiás da actualidade están presentes en multitude de cerimonias e Tebra non é allea a esa realidade. Ata non fai moito, o día da festa a efixie de Santa María era adornada con cachos de uvas, un claro vestixio pagán vinculado a ofrendas realizadas en épocas de colleita (neste caso do viño) e que foron asimiladas polo cristianismo.


Para Franco Grande destaca “a escasa relación que había entre o acto de carnear e a festa en si de Santa María” xa que, se ben este non se explicaba sen a festa, ambos eran completamente autónomos nun momento no que a festa relixiosa e a profana estaban intimamente vencelladas, mentres que a mata das vacas permanecía totalmente allea a todos os demais actos da festa. Isto podería denotar “a dificultade do cristianismo por asimilar a festividade na súa forma e contido”, como si fixera con outras tradicións anteriores. 

02134_edited.jpg

Por que esta asimilación non foi posible? Para o escritor a clave está no sacrificio das vacas, un acto que aínda que no século XX se mantiña cunha finalidade práctica, en tempos pretéritos tería servido como ofrenda aos deuses. O sacrificio animal era algo moi habitual nos pobos xermánicos. A escritora e estudosa das orixes da civilización anglosaxona, Micaela Misiego, sinalaba que “o sacrificio de animais levábase a cabo con grande e deliberada maxestuosidade. As entrañas, o corazón e o fígado eran reservados para os deuses e o resto era devorado polo pobo. Os sacrificios diferían segundo o propósito e a ocasión, podía ser unha cuestión de alegría ou un rito severo para expiar un pecado ou evitar unha peste. No primeiro caso, a divindade era tratada como un hóspede ao que se lle rendía os máximos honores. Tamén era unha festa que acontecía en épocas determinadas, como o verán ou a celebración da lúa chea ou nova”.

Nas descricións de Misiego pódense atopar certos paralelismos coa festividade tebresa. Temos por un lado a maxestuosidade e solemnidade coa que se levaba a cabo o sacrificio, unha cualidade que podería ter sido aínda maior no pasado. Tamén se albisca a diferenciación entre as entrañas, que eran reservadas aos deuses, e o resto, que era comido polo pobo. É posible que nun pasado o diñeiro recadado a través das poxas tivese unha finalidade relixiosa, pero só son suposicións para as que non existe ningunha fonte oral que o confirme. A cerimonia, aínda manténdose á marxe do culto a Santa María, non se entende sen esta, polo que é a motivadora da mesma e polo tanto eran para ela os “máximos honores”. Enténdese, pois, que Santa María podería ser o equivalente da divindade xermánica á que se lle rendían os honores. Se procuramos o motivo de alegría e celebración que xustificase a festividade, podemos pensar que se trataba do momento da colleita, ou máis concretamente, da vendima.

Carballos-Da-Chanciña-013.jpg
Nenos tocando o "corno" na Festa das Sete Vacas para avisar do inicio das poxas
Celebración da Festa de Santa María de Tebra (1958)
Veciños durante a Festa das Sete Vacas
Maiordomos/as da Festa de Santa María de Tebra (1952)
Celebración da Festa de Santa María de Tebra (1958)
Celebración da Festa de Santa María de Tebra (1958)
Veciños cargando o animal
Celebración da Festa de Santa María de Tebra
Vaca pendurada durante o acto

Os xermánicos non só nos deixaron un abundante vocabulario e as parroquias, tamén foron os principais introdutores da relixión que perduraría ata os nosos días: o cristianismo. Apenas un século despois da caída do reino suevo chegou a Galicia a ocupación musulmá. Afortunadamente este período poucas repercusións tivo en Tebra, xa que apenas estiveron uns 25 anos no noso territorio. Non obstante, segundo o historiador e documentalista Pedro López Gómez, a inestabilidade causada polas periódicas invasións que levaban a cabo árabes e viquingos a través do Miño non acabou ata os séculos XII e XIII, época na que se produce un notable desenvolvemento agrogandeiro que fixo aumentar a poboación. É nesta época na que se constrúen as igrexas románicas de Santa María e San Salvador de Tebra, ambas do século XII.

A construción da igrexa de Santa María de Tebra dátase entre os anos 1150 e 1160. A primeira referencia documental existente atopámola no ano 1228, nun documento no que se constata que o último rei de Galicia, Alfonso IX, fai un cambio polo que se entrega ao Mosteiro de Oia dúas partes do realengo da igrexa. O historiador pontevedrés Hipólito de Sá afirmaba que puido ser construída sobre un edificio anterior, aínda que segundo o párroco Jose Luis Blanco González non existen documentos que poidan probalo.

A igrexa de Santa María de Tebra

Igrexa de Tebra
C0006.00_00_00_00.Imagen fija002.jpg

A igrexa posúe varias peculiaridades que a diferencian, como por exemplo a súa ábsida en forma semidecagonal, unha característica difícil de atopar noutros templos, ou a súa singular torre ladeada. “Á xente chámalle moito á atención por como está construída. O certo é que foi unha simple solución arquitectónica que se tomou para poder conservar a fachada e non estragar o que xa había feito”, comenta o sacerdote.

 
A igrexa contaba inicialmente cunha soa nave, de estilo románico, sendo engadidas posteriormente as capelas laterais e a torre. O templo ten un encanto especial no aspecto iconográfico: tanto nos canzorros situados na parte exterior da ábsida como nos capiteis da capela maior destaca o gran uso do simbolismo a través da representación de animais, monstros e figuras humanas. “A maioría da xente naquela época era analfabeta e a mellor forma transmitirlles o catecismo era a través da escultura en pedra, con figuras que representasen o pecado”, explica González.


Mais na igrexa de Santa María aínda faltan curiosidades por descubrir. Agochada nun lateral do altar podemos atopar o cadaleito dunha das personaxes clave na historia de Tebra: Don Álvaro Suárez de Deza. Sobre a súa figura e sobre este elemento en concreto falaremos en profundidade máis adiante.

02463.jpg

¿Que nos contan os capiteis?

Preme nas imaxes para saber máis sobre eles

A igrexa de Santa María presenta moitas singularidades. O seu párroco, José Luis Blanco González, cóntanos algunhas delas.

bottom of page