top of page
A torre de Tebra: símbolo do poder nobiliario

A torre de Tebra: símbolo do poder nobiliario

A historia medieval de Tebra vai estar marcada polas loitas nobiliarias e dinásticas da Baixa Idade Media castelá. Neste proceso é clave a fundación do señorío de Tebra, que conserva na torre o seu símbolo máis poderoso.


A torre de Tebra é un elemento fundamental da historia do val, tanto que boa parte dela xira en volta desta edificación, sobre a que corren lendas e historias aínda hoxe presentes na tradición oral. Do vello castelo existen moitas teorías sobre a súa orixe, máis ningunha que se poida confirmar. Segundo o historiador tudense Francisco Ávila y La Cueva, a primeira cita documental que se coñece do mesmo atópase no ano 1191, cando o gobernador da fortaleza era Don Gonzalo Peláez, sendo citado tamén en sucesivos documentos de anos posteriores.

DSC03165 (1).jpg

Aínda que o castelo actual —do que só se conserva a torre da homenaxe, por iso é coñecido como a torre de Tebra— está situado no lugar do Outeiro, o arquitecto e investigador Jaime Garrido sostén que este non puido ser o lugar orixinal no que foi construído por simples motivos defensivos. “Ao igual que moitos outros como o de Sobroso ou Entenza, tiña que ocupar un lugar escalado e alto, con defensas naturais, dominante do val e controlador do paso ao Val Miñor”, sostén na súa obra Fortalezas de la antigua provincia de Tuy. Ávila y La Cueva sinalaba nos seus escritos a existencia dun privilexio concedido por Don Pedro de Castela ao mosteiro de Oia en 1353 polo cal se emprendía a reedificación do “Castelo de Samuelle”, debido a atoparse moi deteriorado naquel momento. Aínda que non hai documentos que o confirmen, Garrido afirma que o emprazamento deste castelo primixenio podía estar por enriba do lugar de Samuelle, moi preto do barrio de Cimadevila, no denominado “Outeiro da Cruz”, un lugar óptimo para a defensa e o control do val e no cal aínda se conservan restos da base dunha antiga fortificación medieval

Da liñaxe que o gobernou pouco sabemos máis alá de aqueles que aparecen nos documentos que fan alusión á torre, como por exemplo Don Juan Fernández, no 1217, ou Alonso Gómez de Churruchao, en 1345. Serían moitas as figuras que rexerían dominio sobre o val durante este período, froito das constantes disputas nobiliarias polo dominio do territorio, pero sen dúbida unha delas vai destacar sobre todas as demais: Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga.

Pedro-Madruga-Cristobal-Colon[1].jpg

Unha lenda temida e respectada

De Pedro Madruga téñense escrito ríos de tinta e aínda que resulta difícil separar a lenda da realidade non cabe dúbida de que se trata dunha das figuras máis emblemáticas da época medieval galega. Do nobre galego dise que era fillo bastardo de Fernán Yañez de Soutomaior. Ao ser un fillo ilexítimo, dedicouse nun primeiro momento á vida eclesiástica, mais a morte sen descendencia do seu irmán Álvaro Páez, herdeiro lexítimo do morgado, fai que este lle ceda os dereitos sucesorios, entre os que se atopaban a posesión do Castelo de Tebra, sendo recoñecido por Enrique IV no ano 1468.


A súa sucesión ten lugar na época na que se desata a Gran Guerra Irmandiña, na que ducias de miles de campesiños e artesáns se levantaron contra o poder dos nobres, arrasando toda canta fortaleza atopaban ao seu paso. É precisamente no asedio que estes fixeron á cidade de Tui onde morre Álvaro Páez, e durante a cal Madruga decide fuxir a Portugal, onde casa con Tareixa de Távora, unha muller dunha destacada familia nobiliaria portuguesa. 

Logo dun período de inestabilidade, a nobreza galega desposuída polos irmandiños consegue aliarse para recuperar o poder perdido. Don Pedro regresa a Galicia para recuperar as súas posesións, atopando moitas das súas fortalezas destruídas. Facendo gala dun carácter que lle outorgaría fama eterna, Madruga reúne un exército co que se apodera de Tui e os seus arredores, infundindo enorme terror e espanto entre o campesiñado.


A morte de Enrique IV en 1474 sería o desencadeante dunha guerra de sucesión entre os partidarios de Isabel “a Católica” e os partidarios da infanta Xoana “a Beltranexa”. Don Pedro tomaría partido por esta última, apoiada tamén pola coroa portuguesa e por outras familias nobiliarias galegas coma os Fonseca. É neste contexto que, segundo o historiador porriñés José Espinosa de los Monteros, Madruga decide reconstruír a torre de Tebra, derrubada polos irmandiños, debido “á súa importancia estratéxica para acosar e atacar a vila de Baiona, reguengo da Coroa de Castela”. Sobre se o castelo que reconstruíu Madruga se atopaba na mesma situación que a torre actual, situada no lugar do Outeiro, non o podemos saber, máis é pouco probable debido á necesidade de que estivese emprazada nun lugar que facilitase a súa defensa.

00273_edited.jpg

Madruga levou a cabo unha feroz resistencia, chegando a secuestrar ao bispo de Tui, Diego de Muros, manténdoo preso en Portugal baixo condicións terriblemente insalubres. Ante as presións, Madruga rematou por ceibar ao bispo previo pago dun rescate. Finalmente, a vitoria dos Reis Católicos fíxose xa incuestionable e don Pedro tentou presentarse ante Isabel para desculparse, mais foi apresado e executado, aínda que a realidade sobre a súa morte esperta interrogantes ata o día de hoxe. Co fin de pacificar o territorio, os reis ordenaron derrubar todas as fortalezas que tivesen menos de douscentos vasalos, entre as que se atopaba Tebra, no ano 1482. Remataba así a historia de Pedro Álvarez de Soutomaior, Conde de Gondomar, Señor de Soutomaior, Vizconde de Tui e Conde de Camiña, unha figura emblemática, respectada e temida a partes iguais, e cuxos dominios chegaron a espallarse desde o Ulla ata o Miño.

Unha lenda temida e respectada
Christopher_Columbus_edited.jpg

Madruga: ¿posible Cristovo Colón?

Pedro Madruga é xa de por si un dos grandes persoeiros da historia galega, mais nos últimos tempos está collendo forza unha teoría que vencella a este nobre coa figura de Cristovo Colón, afirmando que eran a mesma persoa. A tese orixinal, sostida por Celso García de la Riega a finais do século XIX, foi recuperada nos anos 70 polo historiador Alfonso Philippot, resolvendo algúns dos cabos soltos que había na teoría inicial.


Segundo os seus defensores, a teoría máis estendida e que defende a orixe xenovesa de Colón tivo a súa orixe co nacemento do nacionalismo italiano, no século XIX, e foron reforzadas coa chegada de Mussolini, influíndo nos académicos españois para que a aceptasen. En realidade, Colón non sabía escribir en italiano e precisaba dun tradutor para cartearse con Toscanelli, que lle contestaba en latín, un idioma que si coñecía posto que o estudara en Santo Domingo de Tui. Pola contra, si que existen bastantes evidencias de que Colón falaba galego, xa que moitos dos seus textos están cheos de formas galego-portuguesas, contabilizándose máis de 500 termos como “agora”, “falar”, “despois”, “fame”, “debuxar”...


A orixe pontevedresa de Colón demóstrase tamén na toponimia que o navegante estableceu trala súa chegada ao novo continente, con máis de cen nomes exclusivos das Rías Baixas. De feito, o primeiro nome que impón ao chegar a terra firme é o de San Salvador, o mesmo que o da súa parroquia natal, San Salvador de Poio, establecendo tamén nomes de ríos galegos como Miño ou Xallas.

 

Curiosamente, entrega o goberno de Porto Rico —un cargo que só se outorgaba a xente de moita confianza— a Cristovo de Soutomaior, que era en realidade o seu fillo.

Madruga: ¿posible Cristovo Colón?
Muerte de Cristóbal Colón (2).jpg

¿Mais cal é o motivo de que Pedro Madruga pasara a chamarse Cristovo Colón? Segundo os impulsores da teoría a clave estaría nun pacto cos Reis Católicos. Non hai que esquecer as estrañas circunstancias que rodean tanto a morte de Madruga como a aparición pública de Colón, de quen se descoñecen as súas orixes, e que se atopan moi próximas no tempo. 


Unha vez derrotado militarmente polos Reis Católicos, don Pedro foxe a Portugal coa súa muller, Tareixa de Távora, onde idea un plan de negociación con estes para conservar a vida, e que se materializará na súa visita posterior ás Cortes de Castela. Alí os reis aceptan perdoarlle a vida a cambio de desactivar a súa influencia política, polo que terá que renunciar a todas as súas posesións e mudar de identidade para sempre, desterrando a figura de Madruga. Don Pedro acepta a cambio de que estes autorizaran a súa expedición ás Indias. Así foi como o nobre, que xa non podía revelar a súa identidade pública recoñecida, optou por usar o nome de bastardo da súa infancia en Poio: Cristovo Pedro de Colón.


Colón morre en Valladolid o 20 de maio de 1506. O cura Bernáldez, amigo persoal del e quen o asistiu non seus últimos momentos, sinala que tiña máis ou menos uns 70 anos, fronte aos 55 que sinala a teoría do Colón xenovés. Pedro Madruga tería nese momento 74 anos. Colón foi finalmente enterrado en Valladolid, nunha capela da familia Lacerda, familiares dos Soutomaior. Casualmente, o mesmo lugar e capela onde en 1440 fora enterrado Fernán Eannes de Soutomaior, o pai de Pedro Madruga.

00100 (1).jpg

Un señorío en disputa

A morte de Pedro Madruga e a destrución da torre deixou un baleiro de poder no val que non tardaría en desembocar nunha loita pola sucesión do señorío de Tebra. Non sería a través das armas, mais si dos tribunais: A familia dos Suárez de Deza, encabezada por don Álvaro, comeza un longo preito contra os Soutomaior, herdeiros de don Pedro, que non se resolvería ata o 10 de outubro de 1508. Sería entón cando a Real Audiencia de Galicia sentenciou entregarlle a xurisdición do val aos primeiros.


Da familia Suárez de Deza dise que descenden da familia Churruchao, unha das máis poderosas da Galicia medieval. O final dos Churruchaos enmárcase nas loitas sucesorias entre Enrique II de Castela e Pedro I “o Cruel”, no ano 1366. O seu último descendente, Fernán Pérez Churruchao, foi responsable de asasinar ao arcebispo de Santiago, Soro Gómez de Toledo, aparentemente por ter este último simpatías por Enrique. Por este feito fóronlle confiscados aos Churruchao non só moitos dos seus bens, senón tamén o apelido, adoptando posteriormente o de Suárez de Deza.

Un señorío en disputa
00097 (1).jpg

Desde a resolución do preito terían que pasar vinte e catro anos, ata o 30 de novembro de 1532, para que a raíña Xoana I de Castela, coñecida como “a Tola”, lle concedese a don Álvaro Suárez de Deza o permiso para reconstruír a torre que lle fora derrubada a Pedro Madruga. A cédula real versaba a seguinte frase:


“Por quanto por parte de vos Alvaro Suárez de Deza cuyo diz que es el valle de Tebra que es en el nuestro reyno de Galicia me ha sido fecho relacion que vos teneis necesidad de tornar a reedificar una torre y casa que en tiempos pasados fué derribada a que conbiene a nuestro servicio que se hiciese para la pacificación del dicho valle y los vezinos del con la quietud y sosiego que son obligados por tener bien por ende por la presente os doy licencia y facultad para que podais tornar a reedificar la dicha torre y casa en el dicho nuestro valle que así fue derribada segun y como e de la manera que estaba antes que os la derribasen...” 

 

Se os Suárez de Deza cumprisen ao pé da letra coa licencia, a torre erguida por Pedro Madruga no ano 1478 debería estar situada no mesmo lugar e ter unha forma semellante á actual. Non obstante, a maioría dos historiadores sosteñen que isto é moi pouco probable, especialmente debido á necesidade durante os tempos de Madruga dun emprazamento con maior capacidade defensiva.

IMG_7980 recorte_edited.jpg

Logo da reconstrución, no ano 1553 Álvaro Suárez de Deza funda o morgado de Tebra, unha institución civil que procuraba que os bens da nobreza non se fraccionasen, dando prioridade na herdanza ao fillo primoxénito e mantendo así o poder económico da familia.

 
Don Álvaro morre sen descendentes directos no ano 1566, nomeando como sucesor ao seu sobriño Gregorio Suárez de Deza.  A partir de entón, o val de Tebra pasará a estar en mans de señores ausentes que delegaban o seu goberno en representantes debido á súa residencia nas colonias de Nova España, nas Américas, normalmente vencellados á vida militar. A ausencia dos propietarios e as apetitosas rendas que sacaban dun señorío tan extenso provocaron unha disputa constante ao longo dos séculos entre as distintas ramas familiares que se consideraban herdeiras lexítimas de don Álvaro, unha situación que se mantivo ata ben entrado o século XIX.

 
No seu testamento, Álvaro Suárez de Deza deixa patente que quere ser sepultado na
igrexa de Santa María de Tebra, como así foi. A súa tumba é, a día de hoxe, unha excelente mostra da escultura sepulcral renacentista galega do século XVI.

IMG_7973.jpg

A tumba de don Álvaro

Para falar do seu sepulcro cómpre situalo no contexto no que foi feito, unha época na que se produce un rexurdimento artístico e espiritual coa chegada do Renacemento. Fronte á arte medieval, centrada na imaxe de Deus e co mundo espiritual como centro das creacións, a arte renacentista vai situar ao ser humano como o elemento destacado, exaltando a súa dignidade. Nas esculturas funerarias, esta filosofía tradúcese na glorificación dos finados, xeralmente procedentes da aristocracia e os altos estamentos clericais, facendo exaltación das súas virtudes en vida, buscando a perpetuación do defunto e a transcendencia máis alá da morte.


Don Álvaro, como era común coas figuras pertencentes a familias nobiliarias, foi sepultado no interior da igrexa, concretamente a un lado do altar, un espazo ao que non podían acceder as clases máis humildes. De analizar a súa tumba e a arte sepulcral renacentista galega en xeral encargouse a historiadora Mª Dolores Villaverde, quen destacou unha serie de elementos comúns nas representacións da época.

Consulta na imaxe cales son estes elementos premendo nas iconas negras 

A tumba de don Álvaro
DSC00161.jpg

Coetaneamente aos Suárez de Deza, no século XVII vaise erguer unha edificación da que agromaría na súa volta unha nova parroquia no val de Tebra, ata entón composto polas parroquias de Santa María e San Salvador. Falamos da capela de San Tomé.

Os historiadores sitúan a súa construción no ano 1638. Situada no barrio da Silvosa, na actualidade apenas se conservan os restos, que deixan entrever unha edificación de planta rectangular e tellado a dúas augas con cornixa. Aínda que semella unha simple capela, o templo ten unha gran importancia simbólica na historia do val, xa que nela escoitou a misa a veciñanza de Vilameán durante máis de 150 anos. O 26 de novembro de 1794, San Bieito de Vilameán eríxese como parroquia independente, separándose de San Salvador de Tebra unha vez se construíu a actual igrexa. Nela consérvase a imaxe de San Tomé, antes pertencente á capela que leva o seu nome. 

Mais aínda que Santa María, San Salvador e Vilameán son actualmente as tres parroquias que conforman o val, nesta época a xurisdición de Tebra contaba cunha cuarta freguesía: Pinzás. O historiador Ávila y la Cueva, nado no 1789, contaba sobre Pinzás que a súa poboación xurdira coa construción de casetas e cabanas feitas polos pastores, moitos deles portugueses, que se desprazaron ao lugar para aproveitar os abundantes e fértiles pastos existentes nos seus montes. Foron os propios pastores os que ergueron a igrexa no ano 1742, entrando nun longo preito co cabildo de Tui que se resolveu no ano 1761, pasando a ser unha parroquia anexada ao señorío de Tebra e dependendo dela tanto para o goberno como para a xustiza.

O xermolo dunha nova parroquia

A capela de San Tomé

A guerra contra Portugal

Un dos sucesos que marcarían a historia da comarca sería a guerra de Restauración, un coflito bélico que enfrontou a España e Portugal entre os anos 1640 e 1668 e que remataría co recoñecemento da independencia lusa, poñendo fin á Unión Ibérica existente durante a dinastía dos Habsburgo.


No val de Tebra este conflito tamén tivo as súas consecuencias, e unha delas ten que ver coa igrexa de San Salvador. Segundo o historiador Ávila y La Cueva, nunha das incursións dos portugueses no bispado de Tui, queimaron toda a documentación desta igrexa que se atopaba no lugar.


Dita documentación tiña probablemente varios séculos de antigüidade, xa que a creación da igrexa de San Salvador é coetánea á de Santa María, é dicir, do século XII. Do estilo románico característico desta época consérvanse a ábsida, de planta rectangular, e os muros norte e sur da nave principal, nos que destacan o conxunto de canzorros con formas de animais e as mochetas con cabezas de bois enfrontados da porta norte. A fachada foi reformada no século XIX, aínda que conserva a porta principal de arco de medio punto cunha moldura de collarín.

A guerra contra Portugal
bottom of page